Entrevista sobre o proxecto de Merchandising literario en Arousa norte






«É difícil atraer ao turista só polo factor literario»
Dirixe o curso de «merchandising» literario orientado a promover aos escritores da comarca de Barbanza
 Antón parada / M.X.B. 
  Ribeira / la voz  14 de octubre de 2014   



                       Tubío colabora con Arousa Norte para sacar á luz recordos vinculados aos escritores.  
                       dani gestoso
 
Barbanza é un punto turístico que conta con diversos reclamos para atraer visitantes. Dende as súas praias e verdes paisaxes naturais ata a gastronomía marítima. Mais hai un tesouro do que non se soe facer gala á hora de explicarlle ao turista por que debería visitar a comarca. A terra de grandes escritores como foron Castelao, Valle-Inclán, Manuel Antonio ou Rafael Dieste ten en marcha un curso e un concurso sobre o merchandising literario orientado a eles. A docente que se encarga das clases impulsadas por Arousa Norte é Paula Tubío Rodríguez.
-¿Cal é a súa experiencia neste campo?
-Son psicóloga. No campo da docencia teño impartido cursos relacionados coa creatividade e clases de dinamización comunitaria, consistentes en como levar a cabo proxectos que promovan o desenvolvemento social. Por outro lado, tamén son artesá, teño unha marca de complementos de moda baseados en promover a cultura galega. Realicei algunhas pezas de merchandising para grupos tradicionais, recentemente para O Aquel de Aquelar.
-¿Como xorde a iniciativa?
-Xorde da mancomunidade, na liña de facer promoción dos concellos de Arousa Norte como destino turístico literario.
-¿En que consiste o curso?
-Seleccionáronse varias persoas, artesáns e artistas residentes nos catro municipios, para asistir ao curso, de dous días de duración. O primeiro día tivo un carácter teórico, no tocante ao deseño dos produtos e a afondar nos principais conceptos dos grandes escritores: Castelao, Dieste, Manuel Antonio e Valle-Inclán. Na segunda sesión disporase dun espazo de traballo para crear a peza con vistas ao concurso.
-¿Que artigos se van desenvolver?
-A técnica é libre, cada persoa empregará o material que desexe. Pero o grupo conformado é bastante homoxéneo, veñen do mundo do téxtil, así que se traballará sobre todo con teas, fío, coiro e algúns metais. Os souvenirs estarán orientados aos eidos propios de cada escritor. Sobre Manuel Antonio, o mar e as embarcacións, e sobre Valle, as casas nas que viviu.
-¿Como funcionará o concurso?
-O concurso está aberto para todo aquel que queira sumarse. Hai tres premios: 600, 350 e 250 euros, que terán que ser intercambiados polo número de pezas, segundo o prezo da unidade que determinase o autor. Quedarán en propiedade da mancomunidade. A idea é que se fagan a través do creador artesanalmente.
-¿Existe unha demanda real neste mercado?
-Os museos da zona contactaron reclamando que non hai cobertura neste sector. Pero a idea non é vender só nos puntos turísticos, senón que os traballos formen parte da reserva dos agasallos institucionais.
-¿Cre que o factor cultural é decisivo á hora de atraer turismo?
-É difícil atraer ao turista só polo factor literario. Pero isto é un engadido a outros aspectos atractivos da comarca. Temos escritores de renome, representantes da literatura galega e castelá.

Paula Tubío Rodríguez, psicóloga e artesá.